O noso proxecto

O proxecto da Chave súmase ao esforzo colectivo de lle dar valor e prestixio á lingua galega. A Chave quere contribuír a que abandonemos os vellos prexuízos lingüísticos e que, antes polo contrario, sexamos unha sociedade con maior consciencia lingüística, máis animada a coñecer e a usar o galego.

A Chave quere dar un trato de excelencia á lingua galega, porque pensamos que existe unha necesidade social de que así sexa. Como un principio fundamental, A Chave emprega o galego para vehicular a comunicación en calquera nivel, en todas as áreas do coñecemento e da cultura, e coa máxima calidade lingüística.

E logo, por que A Chave? Por que este nome? O proxecto quere que a cidadanía poida abrir facilmente as portas da riqueza léxica e expresiva da lingua galega.

Na súa actividade, A Chave baséase nas Normas ortográficas e morfolóxicas da lingua galega (NOMIG) aprobadas pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega no ano 2003. A partir de aquí, A Chave achega as súas preferencias ou propostas na escolla entre dúas ou máis opcións válidas, no tratamento dos empréstitos lingüísticos (palabras que se toman doutras linguas) ou no ámbito da terminoloxía (ou linguaxe de especialidade).

A Chave defínese como un proxecto sen fin lucrativo.