A esencia do proxecto

O proxecto da Chave súmase ao esforzo colectivo de lle dar valor e prestixio á lingua galega. A Chave quere contribuír a que abandonemos os vellos prexuízos lingüísticos e que, antes polo contrario, sexamos unha sociedade con maior consciencia lingüística, máis animada a coñecer e a usar o galego.

A Chave quere dar un trato de excelencia á lingua galega, porque pensamos que existe unha necesidade social de que así sexa. Como un principio fundamental, A Chave emprega o galego para vehicular a comunicación en calquera ámbito social, en todas as áreas do coñecemento e da cultura, e coa máxima calidade lingüística.

E logo, por que A Chave? Por que se chama así? O proxecto quere ser unha chave para o mundo. Que a xente poida usar A Chave e abrir facilmente as portas da riqueza léxica e expresiva da lingua galega.

Na súa actividade, A Chave baséase nas Normas ortográficas e morfolóxicas da lingua galega (NOMIG) aprobadas pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega no ano 2003. A partir de aquí, A Chave achega as súas preferencias ou propostas na escolla entre dúas ou máis opcións válidas, no tratamento dos empréstimos lingüísticos (palabras que se toman doutras linguas) ou no campo da terminoloxía (ou linguaxe de especialidade).

A Chave procura recoller a tradición galega no seu traballo. O logo da Chave está inspirado nos símbolos celtas (son comúns os nós e os labirintos).

É tamén empeño da Chave o uso dunha linguaxe igualitaria, que non reflicta menosprezo ou inferiorización por causa da cor da pel, etnia, sexo, xénero, orientación sexual, idade ou calquera outra circunstancia persoal, social, económica ou xeográfica.

A Chave defínese como un proxecto sen fin lucrativo, independente de calquera ideoloxía política.